Se estás pensando en mudarte ao Reino Unido, unha das primeiras cousas que tes que solucionar é o tema do transporte. Desde Galiza, o medio máis cómodo e barato é o avión. Podes viaxar desde calquera dos tres aeroportos do país, aínda que operan liñas distintas e non todos os días da semana.

Santiago de Compostela

Opera RyanAir, se cadra a compañía máis barata. Hai voos 4 días á semana: luns, mércores, venres e domingo. O aeroporto de chegada é Londres-Stansted.
O horario tamén varía. Por semana saen ás 10.00 e en fin de semana ás 21.15. Chegar a Inglaterra lévalle unhas dúas horas, pero lembra que alí teñen unha hora menos, así que co horario local aterrizarías ás 11 ou ás 22.15

Se o que queres é volver a Galiza, os avións saen os mesmos días, pero non ás mesmas horas. Por semana ás 6.30 e en fin de semana ás 17.45.

O transporte do aeroporto á cidade tamén é algo a ter en conta. Podes ir en bus ou en tren, e moitas veces xa podes mercar os tickets no propio avión.

Sae un tren de Stansted Express cada quince minutos e custa 21.50 libras o billete sinxelo e 29.50 ida e volta. Este último pódelo usar nun período de 30 días. O traxecto dura aproximadamente 45 minutos e fai paradas en Totteham Hale e Liverpool Street Station (unha das principais estacións de tren da cidade). Ollo! Non hai trens nocturnos. Así que se o teu avión sae ás 6 e media da mañá igual tes que pasar a noite no aeroporto ou buscar un hotel próximo.

O bus é a opción máis barata. A empresa que o leva é Terravisión e custa 9 libras o billete sinxelo e 15 ida e volta. Para nas estacións de Liverpool Street e Victoria. Chegar á primeira lévalle 55 minutos e á segunda 75. Pero depende do tráfico. Desde o aeroporto hai un bus cada media hora aproximadamente. Se vas desde Londres é mellor que lle botes un ollo ao horario. O bo que ten o bus fronte ao tren é que hai un par de servizos nocturnos.

A Coruña

Opera Vueling. Hai voos diarios e saen ás 14:40. Chegan a London-Heathrow, o principal aeroporto da cidade. Na viaxe de volta o avión despega ás 16:35 e tamén o hai todos os días.

O transporte é moito máis cómodo, xa que até Heathrow chega o metro. Se nunca colliches o ‘Tube’ -como lle chaman por aquí- precisas un par de advertencias.

A liña que vai desde o aeroporto chámase Piccadilly. Se vas da cidade ao aeroporto é moi importante que te fixes na dirección que leva o tren, porque hai varios destinos dentro da mesma liña. Ti tes que ir cara Heathrow terminals 1, 2, 3, xa que Vueling aterra na terminal 3.

O metro de Londres divídese en zonas, así que asegúrate que o ticket que mercas é válido, porque o aeroporto está en zona 6 e o aeroporto é zona 1. Xa postearemos un especial do metro para que o entendas ben

Vigo

Tamén opera Vueling e ten voos martes, xoves e sábado. Todos ás 15:15.

Do transporte á cidade non hai nada que dicir, xa que vai a Heathrow e é igual que no caso da Coruña.

Porto

Se es do sur de Galiza, é probábel que prefiras voar desde Sá Carneiro, xa que hai moita máis oferta de voos e o prezo pode compensar a viaxe até Portugal.

A diferenza dos aeroportos galegos, aquí tes varias compañías cubrindo o mesmo traxecto, así que cómpre que lle botes un ollo a todas.

Con Ryanair

Ryanair ten rotas directas a Londres e a Liverpool. Os voos á capital chegan a Stansted, así que non hai nada que engadir a respecto de comunicación entre aeroporto e cidade. O que si, teñen máis frecuencia que en Compostela. Todos os días hai un avión ás 6.30 da mañá e que lle leva unhas dúas horas e vinte minutos chegar a Inglaterra.

Lembra que en Portugal teñen a mesma franxa horaria que o Reino Unido, así que sería unha hora menos que no Estado Español.

Se este horario non che convence, hai varias opcións de tarde. Os luns, xoves, venres e domingos sae un avión ás 21.15, mentres que os mércores despega ás 18.10.

Para regresar tamén o podes facer diariamente pero con horarios distintos. De mañá o avión sae ás 9.15 pero de tarde varía. Luns, xoves, venres e domingo hai opción das 18.30 da tarde e mércores ás 20.55

A Liverpool hai menos frecuencia, e só saen avións os xoves e os domingos ás 21.20. Para regresar, podes coller os mesmos días ás 18.30.

Para ir desde o Liverpool John Lennon Airport até a propia cidade hai varias opcións que aparecen detalladas na súa páxina web, pero coma sempre nós imos comentar un par delas.

Se optas por ir en bus, podes coller o National Express que ten servizos todo o día pero sen prezo fixo, así que é bo que reserves con antelación. Desde o aeroporto de Liverpool tamén tes a opción de ir a Manchester en menos dunha hora, así que non esquezas botarlle un ollo ás liñas de Terravisión, que che permiten cambiar de cidade por 8 libras.

A opción do tren pode saír moi económica. Tes traxectos cada 20 minutos até o centro de Liverpool e podes conseguir un billete por unhas 2 libras. Iso si, probabelmente teñas que facer algún cambio, todo depende de onde queiras ir.

Con Easyjet

A outra alternativa que tes desde Porto é coller un avión de EasyJet e ir até Gatwick (Londres). Hai voos de martes a sábado que saen ás 14.35 excepto os sábados que se adianta ás 13.50.

Para volver hai servizos diarios. De luns a venres ás 11.40, sábados ás 10.55 e domingos ás 12.55.

Para moverte do aeroporto á cidade tes trens cada 15 minutos que en media hora te levan até a estación de Victoria. Os prezos van desde as 16.85 libras só ida, até os 27.90 ida e volta.

Unha opción máis económica é a de EasyBus, que ten moita frecuencia de liñas e custa unhas 8.50 libras.

Se queres outras alternativas, bótalle un ollo ao web do aeroporto.

Oviedo

Pouca información hai que engadir no caso do aeroporto asturiano. A única operadora é EasyJet que vai a Londres-Stansted. Hai voos diarios que saen ás 15.05 excepto os sábados que se retrasan até ás 21.40. A volta ten a mesma excepción, todos os días ás 11.30 menos os sábados que sae ás 18.05.

Consellos útiles

  • Non te deixes levar só polo prezo do billete, porque ás veces o barato sae caro. Ten en conta a viaxe do aeroporto á cidade e o custe de facturación da maleta. Por exemplo, Vueling permite facturar 23 kg de equipaxe por uns 15 euros e levar 2 bultos de man (estes de xeito gratuíto). Pola contra RyanAir pódeche cargar até con 25 euros por 20 kg. Hai que estar ao tanto destas tarifas.
  • Desgraciadamente, desde Galiza só temos voos directos a Londres. Se queres ir a outra cidade vas ter que mirar combinacións ou facer o traxecto por vía terrestre unha vez chegues ao UK. Noutra entrada habemos falar das comunicacións dentro do Reino

Ligazóns útiles