Varios lectores de Galiza no UK pedíronnos que ampliásemos o post de “Voar ao UK” con información sobre os aeroportos de Sá Carneiro e Oviedo, xa que moitos galegos e galegas optan por saír da comunidade para viaxar ao Reino Unido. Xa sexa por proximidade, prezo, ou frecuencia de voos. Así que aló vamos!

Porto

Se es do sur de Galiza, é probábel que prefiras voar desde Sá Carneiro, xa que hai moita máis oferta de voos e o prezo pode compensar a viaxe até Portugal.

A diferenza dos aeroportos galegos, aquí tes varias compañías cubrindo o mesmo traxecto, así que cómpre que lle botes un ollo a todas.

Con Ryanair

Ryanair ten rotas directas a Londres e a Liverpool. Os voos á capital chegan a Stansted, así que non hai nada que engadir a respecto de comunicación entre aeroporto e cidade. O que si, teñen máis frecuencia que en Compostela. Todos os días hai un avión ás 6.30 da mañá e que lle leva unhas dúas horas e vinte minutos chegar a Inglaterra.

Lembra que en Portugal teñen a mesma franxa horaria que o Reino Unido, así que sería unha hora menos que no Estado Español.

Se este horario non che convence, hai varias opcións de tarde. Os luns, xoves, venres e domingos sae un avión ás 21.15, mentres que os mércores despega ás 18.10.

Para regresar tamén o podes facer diariamente pero con horarios distintos. De mañá o avión sae ás 9.15 pero de tarde varía. Luns, xoves, venres e domingo hai opción das 18.30 da tarde e mércores ás 20.55

A Liverpool hai menos frecuencia, e só saen avións os xoves e os domingos ás 21.20. Para regresar, podes coller os mesmos días ás 18.30.

Para ir desde o Liverpool John Lennon Airport até a propia cidade hai varias opcións que aparecen detalladas na súa páxina web, pero coma sempre nós imos comentar un par delas.

Se optas por ir en bus, podes coller o National Express que ten servizos todo o día pero sen prezo fixo, así que é bo que reserves con antelación. Desde o aeroporto de Liverpool tamén tes a opción de ir a Manchester en menos dunha hora, así que non esquezas botarlle un ollo ás liñas de Terravisión, que che permiten cambiar de cidade por 8 libras.

A opción do tren pode saír moi económica. Tes traxectos cada 20 minutos até o centro de Liverpool e podes conseguir un billete por unhas 2 libras. Iso si, probabelmente teñas que facer algún cambio, todo depende de onde queiras ir.

Con Easyjet

A outra alternativa que tes desde Porto é coller un avión de EasyJet e ir até Gatwick (Londres). Hai voos de martes a sábado que saen ás 14.35 excepto os sábados que se adianta ás 13.50.

Para volver hai servizos diarios. De luns a venres ás 11.40, sábados ás 10.55 e domingos ás 12.55.

Para moverte do aeroporto á cidade tes trens cada 15 minutos que en media hora te levan até a estación de Victoria. Os prezos van desde as 16.85 libras só ida, até os 27.90 ida e volta.

Unha opción máis económica é a de EasyBus, que ten moita frecuencia de liñas e custa unhas 8.50 libras.

Se queres outras alternativas, bótalle un ollo ao web do aeroporto.

Oviedo

Pouca información hai que engadir no caso do aeroporto asturiano. A única operadora é EasyJet que vai a Londres-Stansted. Hai voos diarios que saen ás 15.05 excepto os sábados que se retrasan até ás 21.40. A volta ten a mesma excepción, todos os días ás 11.30 menos os sábados que sae ás 18.05.

Ligazóns útiles

Tagged with: