Non podes mudarte a outro país, sexa cal sexa, sen solucionar algo tan importante como a atención sanitaria. Hai que pagar? Teño que cubrir algún papel? É imprescindíbel estar traballando? Estas son preguntas que che poden vir a cabeza. Non te preocupes, rexistrarse no National Health Service (NHS) é sinxelo e en Galiza no UK estamos aquí para che botar unha man.

O primeiro que tes que facer antes de virte para o Reino é solicitar a Tarxeta Sanitaria Europea. É un trámite bastante sinxelo e garánteche atención médica gratuíta en todo o Espazo Económico Europeo durante 2 anos. Con isto estás cuberto diante de calquera urxencia que puidera acontecer nos teus comezos no Reino Unido, antes de ter rexistrares no NHS.

Unha vez instalado, interesarache ter un médico de cabeceira. Aquí chámanlles General Practitioner (GP) e, a diferenza do Estado Español, non están en ambulatorios. Son consultas independentes financiadas polo estado nas que te tes que rexistrar. Na páxina oficial do NHS podes introducir o teu código postal e mirar que GPs tes preto da casa e rexistrarte no que máis che conveña. O proceso é bastante sinxelo, e só tes que levar unha identificación e unha proba de residencia, que pode ser o contrato de alugueiro ou unha factura.

Nos vindeiros días seguiremos ampliando con máis información sobre os servizos que ofrece o NHS, así como do sistema de farmacias do UK.