Galiza no UK é o punto de encontro virtual da comunidade galega no Reino Unido. Cada vez somos máis os que nos vimos vivir ás Illas, e ben se sabe que os galegos somos moito de xuntarnos e facer cousas. Aí temos toda a rede de Centros Galegos que hai polo mundo adiante. Agora somos outra xeración, outro contexto e internet achéganos unha ferramenta moi poderosa para crear unha comunidade potente.

Este portal é unha pequena achega á colectividade galega no UK. Queremos ser útiles, por iso, ademais de compilar a información do que se vai facendo polo Reino adiante, iremos subindo infomación propia que poida ser interesante aos nosos emigrantes. Non perdades ollo da sección ‘Guía de Viaxe’.

E isto quen o fai?

Comezou como un proxecto de Duarte Romero Varela para o MA Online Journalism que se imparte na Birmingham City University, pero a día de hoxe inclúe a máis xente.

Duarte Romero Varela, @Xan_Guindan. Son xornalista e nacín en Narón en 1988. Con 17 anos marchei a Compostela a estudar e desde entón xa cambiei varias veces de cidade. Primeiro a Londres, en 2010, onde vivín ao redor de un ano, e logo a Birmingham, onde aínda estou a estudar un master en xornalismo online. Foi precisamente neste curso onde nace a idea de Galiza no UK. A nivel persoal estou interesado nas redes sociais, a comunicación dixital e o xornalismo de datos. Ah! E gústanme os Ramones.

Patricia Lamas Rivero, @desastroloxia. Son unha xornalista limiá de 23 anos. Traballei como bolseira na e hai uns meses víñenme a Belfast cunha bolsa Leonardo Da Vinci. Finalmente decidín quedar a traballar aquí. Gústame a fotografía, aínda que como non sei sacala téñome que conformar con ver a de outros. Encántame Ataque Escampe, aínda que non son un grupo moi coñecido e como boa limiá morro polo entroido.

Elena Saura Ramos, @elenaruas. Son historiadora do arte, educadora en museos e escritora aficionada (por dicir so algunhas cousas). Son de Ferrol e vivín seis anos en Compostela, un ano en Bologna e outro en Londres. Dende 2012 vivo e traballo en Milán como Community Manager na axencia de comunicación Connexia. Apaixóame, ou máis ben obsesiónanme, o chocolate e ler, así que se tedes suxestións sobre calquera dos dous serán máis que benvidas!!