A Odisea
Como ben dixo Dostoievsky, a Odisea dotou ó mundo grego dunha estrutura moral e visual parangonable coa que proporcionou, moito despois, o cristianismo.
Xa esta frase debería falarnos, en parte, do que imos e non imos atopar na obra homérica.
Non leas a Odisea se o que buscas é un modelo de inspiración persoal ou ideas revolucionarias e vangardistas.
Odiseo ou Ulises é un imbécil. Evidentemente érao cando saiu de Ítaca, foino durante toda a viaxe e sen dubida morrerá séndoo. Entendámonos, comprendo a súa época e a súa razón de ser, pero non podo pasalo por alto hoxe. É un memo da testa ós pes e representa o contrario do que estamos acostumados a entender como un heroe ou, incluso, como unha persoa digna de incluír na nosa conversa.
O modelo de heroe dos nosos días, que tampouco está lonxe de ser o dun imbecil, estáo e moito do modelo de home que representa Odiseo. É todo o contrario a alguén que se crea a si mesmo, ve o mundo ó seu xeito particular e en consecuencia actúa sobre el e cámbiao. O cambio e a flexibilidade non son cousa de Odiseo. Trátase dun rico bastante ignorante, arrogante, irresponsable e infantil, coa fortuna inmensa de serlle simpático a Atenea. É un caudillo prepotente e sen idea de como debe usar a súa autoridade, o que leva á morte a todo desgraciado que teña a mala sorte de acompañalo. Odiseo non é máis rico cando regresa a Ítaca. Chega vivo, que xa é moito, máis vello e curtido pola experiencia e as penalidades sufridas. Chega aínda máis ríxido moralmente xa que no periplo desprendeuse de todo o accesorio. Volve porque ten sempre presente que volver é o que debe facer. Ten unha muller, un fillo, un pai, unha casa e unha patria, todos virtualmente paralizados pola súa ausencia, e non cabe deixalos.
Ata aquí o que non me gusta: moralidade recalcitrante que anula calquera presenza de razón ou virtude intelectual, autoridade ríxida dun sistema tremendamente sexista e un interminable escaparate de individuos obtusos, comezando polo propio Odiseo.
Pero, a pesar de todo isto, a Odisea é estupenda.
Cunha poética de imaxes delicadas e fermosas dignas das observacións do mellor viaxeiro, nárranos as aventuras do seu protagonista durante os vinte anos nos que se perde polo mundo. Vinte anos nos que envellece, mendiga, agoniza en terra e mar, asiste a festas, ve prodixios e coñece homes extraordinarios e grandes civilizacións. Sae da sua illa sendo un ignorante, seguro e novo rei e regresa ancián, esencial e moi grego.
Todo emigrante, xa sexa por espazo de tempo máis longo ou máis breve, experimenta as sensacións e transformacións que esta personaxe sofre na historia. O cambio, manifestado sobre todo no envellecemento e desgaste do corpo, pero tamén na sorpresa e adaptación ás novas realidades e que forza a desconexión co anteriormente coñecido, é un dos abismos ós que o ser humano en xeral, pero sobre todo o viaxeiro, debe enfrontarse. O tempo é outro dos misterios sobre os que a Odisea nos forza a reflexionar. Na viaxe a temporalidade cambia e maniféstase dun modo totalmente distinto ó tempo transcorrido “na casa”. O tempo expándese e contráese, coloréase, vólvese denso ou desaparece. A vida de Odiseo é a viaxe. Non importa gran cousa o que fixo antes e, dende logo, non interesa en absoluto o que sucederá despois. O importante é a viaxe, e Odiseo éa en estado puro.
Entón, que é a Odisea? É unha historia simple que, sen embargo, condensa e escaravella de forma magnífica en gran parte das preocupacións existenciáis que asedian ó ser humano dende o inicio dos tempos e, en concreto, nos fenómenos metafísicos, físicos e intelectuais que teñen lugar durante a experiencia alienante e asombrosa da viaxe.
Boa lectura!!
-
Lavinia
-
http://www.facebook.com/elena.aruassomar Elena Aruas Somar
-
-
http://www.facebook.com/elena.aruassomar Elena Aruas Somar