literatura-de-viaxe

CC BY-NC-ND Rodcasro

O emigrante galego de hoxe é un emigrante diferente daquel, xa mítico, do pasado século XX. O emigrante actual sabe ler e incluso ten estudios universitarios, xeralmente coñece o idioma do país de destino, é máis culto e inquedo e está ben comunicado. Emigrar agora non é unha traxedia como o podía ser daquela, pero aínda así non é sinxelo nin física nin psicoloxicamente. É por iso que pensamos en ofrecer aquí un pouco de boa literatura que acompañe a vosa experiencia, porque sabemos que para viaxar non basta con poñer un pé fóra da casa.

Un novo apartado no web

Inauguramos a sección de Literatura de Viaxe de Galiza no UK. Unha nova sección onde ofreceremos quincenalmente reseñas de obras literarias relacionadas coa emigración, coas viaxes físicas pero tamén mentais, coas peregrinacións e con calqueira tipo de migración posta por escrito. Gustaríanos moito que participaras ti tamén achegando as túas impresións e dando suxestións de libros, contos, obras de teatro poemas e calquera cousa escrita que consideres digna de formar parte da sección, xa sexa porque a tes lido e a recomendas, xa porque che gustaría lela e necesitas un empurronciño. Podes facelo deixando un comentario ou directamente en Facebook e Twitter (utilizando o hashtag #literaturadeviaxe)

E con que dar comezo a este periplo? Hai milleiros de anacos literarios que tocan a experiencia da viaxe por enteiro ou de forma tanxencial, polo que decidimos comezar polo principio, ou sexa, pola primeira obra da literatura occidental adicada á viaxe, a Odisea.

Agardamos que gustes da nova sección e que a fagas medrar coa túa participación!

Tagged with: