Ao redor das comunidades de emigrantes sempre se crearon negocios e iniciativas que pretendían cubrir as necesidades “morriñentas” da diáspora. Tendas de alimentos do país, centros culturais, bares e mesmo xornais son abundantes nos grupos de emigrantes ben estruturados.

Mais aparte dos proxectos máis habituais, sempre hai quen se lanza a innovar e proba con cousas máis arriscadas. É o caso da empresa irlandesa Auld Sod, que tendo en conta a enorme presenza desta comunidade nos Estados Unidos, animouse a exportar terra e sementes para levar un anaco da vella Irlanda a aquelas persoas que teñen orixe nesta illa e que se cadra nunca viron.

Esta idea gustoulle a Carlos Pardo “Kuki”, un Vigués de 37 anos que se decidiu montar “My Little Galicia” e exportar terra do país á nosa diáspora. De momento no seu web anuncian tres produtos distintos, dous paquetes de terreo fértil -un deles de gama alta, para ocasións especiais- e semente de herba de namorar. Malia todo, o promotor desta iniciativa xa nos anunciou que querían incluír un tarro para plantar para aquelas persoas que merquen a terra e maila semente.

A terra que vende “My Little Galicia” está recollida na zona de Donón, “aos pés do templo do deus Bero Breo”, en Cangas do Morrazo. Pardo afirma que esta terra, ademais de ter 1,6 millóns de anos de antigüidade, é “virxe” e conta cun certificado de calidade.

Con cada pedido enviarán as coordenadas nas que se recolleu a terra e gravarán un vídeo que amose todo o proceso de sachado e filtrado manual.

Polo momento, “My Little Galicia” aínda non está plenamente operativa, xa que aínda están a facer probas de envasado e buscando acordos con empresas de transporte. Aínda así, tal e como informou Pardo, xa teñen uns 25 pedidos en América Latina, Alemaña e África. O produto máis demandado é o paquete de maior calidade, para ocasións especiais, como por exemplo para mesturar coas cinzas dun defunto.

Os prezos destes produtos van desde os 4,95 euros para os 450 gramos de terra básico até os 14,95 do “formato luxo”. A opción que engade as sementes da herba de namorar custa 7,95€. Aínda non están dispoñíbeis os gastos de envío ao UK, pero non han tardar. De momento xa podedes ir facendo as vosas reservas.

———–
NOTA: esta entrada editouse o xoves 23 para corrixir os prezos dos produtos xa que aparecían errados no propio web de My Little Galicia.

Tagged with: