Ítaca é o título e o pretexto do poema máis famoso do escritor grego Konstantino Kavafis (1863-1933), e un dos máis fermosos que lin na miña vida.Sifnos, Notio Aigaio, Grecia

Trátase dun poema moi breve de só trinta e seis versos. Pódense atopar traducións online a tódalas linguas pero, se podedes, recoméndovos lelo directamente do grego ou da tradución ó italiano, que é estupenda. Se non entendedes nin papa nestas linguas, Ide entón ás traducións ó galego ou español. Ningunha das que atopei ata o momento é moi boa pero pódense aturar.

Ata certo punto podédesme acusar afirmando que con esta obra non saímos do mundo da Odisea, pero o certo é que trátase dunha cousa, se non totalmente diferente, que está noutra dimensión. É certo que Kavafis utiliza as imaxes homéricas, o léxico, a grandiosidade misteriosa das personaxes, dos territorios e do propio concepto de viaxe, para poder escribir sobre Ítaca, pero faino a un nivel totalmente diferente e cun dominio delicioso da arte poética que xa lle gustaría a Homero, ou quen fora que escribiu a Odisea.

Ítaca representa os soños, as aspiracións, as aventuras e a curiosidade polo descoñecido. Fálanos de como deben impulsarnos na vida e do que podemos espera deles. O poema trata da plenitude, da valentía e da máis extraordinaria das viaxes, a feita con paixón.

Kavafis, como un bo pai, dinos que na vida somos nós os que nos poñemos diante as limitacións. Os monstros mitolóxicos que representan os problemas, os medos, as dificultades e as malas experiencias, creámolos, dunha forma ou outra, nós mesmos. É por isto que aconséllanos aprender, mirar para diante pero tamén ós lados, pararnos a gozar plenamente do que imos atopando e, sobre todo, deixarnos levar polo que nos atrae.

Impélenos a viaxar, ou máis aínda, a vivir, non para atopar o mellor traballo, para ter máis cartos, para contalo cando volvamos ou para demostrar nada a ninguén. Dinos que valoremos os obxectivos, os soños e aspiracións, adecuadamente. Estes son os que nos fixeron emprender a viaxe, os que nos impulsaron apaixonadamente na dirección que finalmente collemos, pero en si mesmos non nos van ofrecer máis nada, so impulso e oportunidade. O soño ou a aspiración acadados con mellores ou peores resultados, non nos reservan nada máis.

Que non vos confundan, o que importa é a viaxe. Será esta, e non outra, a que vos fará comprender o destino. De aí que vos diga tamén que esta é solo unha lectura do poema, a miña. Se queredes, tomádea como motivación para embarcarvos na vosa propia viaxe literaria cara Ítaca.

Boa lectura!

 

Tagged with:
 
  • danielxuv

    Poema do que o cantautor catalán Lluís LLach fixo unha fermosísima adaptación. Das múltiples versións de Viatge a Ítaca, paga a pena escoitar a percente aol ‘Concert de comiat’, Verges 2007, co que Llach se despedía dos escenarios http://youtu.be/eCz0y-IXbdc

  • danielxuv

    E completa, subtitulada e na súa primeira versión http://youtu.be/hNVJpIRt_JQ

    • http://www.facebook.com/elena.aruassomar Elena Aruas Somar

      Preciosa tamén en catalán!! Paréceme É ademáis unha poesía de gran simbolismo e especialmente emotiva nun concerto no que se cerra unha carreira artística.

      Gracias por compartilo Daniel!!