Acabas de chegar ao UK, xa sabes en que cidade vas vivir e xa atopaches aloxamento. Agora toca buscar traballo. Pero antes de rexistrarse en portais de emprego ou mirar ofertas, cómpre ter un bo Curriculum Vitae.

Os CVs no Reino Unido son lixeiramente diferente aos do Estado Español, así que hai que ter en conta unha cousa: a lexislación anti-discriminación non permite poñer foto nin datos persoais como idade ou sexo.

Polo demais mantén unha estrutura semellante á que estás habituado, aínda que aquí prima máis a experiencia laboral ou as habilidades que a formación. A lonxitude non debe exceder as dúas páxinas A4, así que hai que facer un traballo de síntese importante.

Hai moito escrito sobre como redactar un bo CV que che pode interesar ler. Algúns exemplos son as guías feitas polas universidade de Birmingham City e máis pola de Kent. De calquera xeito, podemos resumir as partes principais que hai que pór nun curriculum nas seguintes:

Información persoal
Esta é unha sección breve na parte superior na que tes que poñer o teu nome, enderezo e datos de contacto como correo electrónico ou teléfono. Se é relevante para o posto de traballo ao que solicitas, tamén podes poñer ligazóns aos teus perfís en redes sociais.

Ficha persoal
Non é obrigatorio poñela, pero é útil para moitos traballos. Inclúe unha breve síntese das túas habilidades, experiencia laboral e obxectivos profesionais. Redactar esta sección é un arte, así que é recomendábel botarlle un ollo a algún dos modelos dispoñíbeis na rede.

Habilidades
Esencialmente aquí tes que pór “todo o que saibas facer”. Linguas, informática, aptitudes sociais, etc. Se podes, sempre é bo utilizar exemplos aplicados.

Formación
Pouco que dicir aquí. Deben figurar todas as titulacións de interese que teñas.

Experiencia
Como no Estado Español, vai por orde cronolóxico: o máis recente arriba. Aquí podes introducir traballos voluntarios e non pagados, de xeito que algunha xente recomenda titular a sección como “employment” e non “work experience”.

Intereses e logros
Igual non estás habituado a pór esta sección, pero no UK é moi frecuente. Aquí vai toda actividade persoal que fagas e que poida dar unha imaxe de que tipo de persoa es. Por exemplo, se xogas ao fútbol poden extraer que traballas ben en equipo, se fuches activo na política estudantil, denota capacidade de liderazgo. Tamén debes facer referencia a premios ou logros persoais dos que esteas orgulloso e que poidan ser relevantes para o traballo

Referencias
Se tes espazo, nalgúns sitios recomendan introducir referencias no CV. Unha académica e outra profesional, por exemplo. Pero teste que asegurar de falar coas persoas antes de poñelas como referencia!

Estas son só unhas guías xerais, despois terás que adaptar o Currículo ás túas necesidades e ao tipo de posto ao que solicites. E aínda que pareza moi obvio, é importante que non vaia con faltas de ortografía, así que repásao mil veces e pídelle a outra persoa que lle bote un ollo, non vai ser que haxa algun erro que non vexas.

Tamén é interesante facelo visualmente atractivo, así que pensa ben como vas distribuír a información na páxina e que fonte e cores podes usar.

Se queres ler máis consellos ou ver algún exemplo, pódeslle botar un ollo a estas ligazóns:

University of Kent: careers and employability service

Birmingham City University: careers and job prospects

http://www.cvtips.com

Tagged with: