Para quen non coñeza a Terry Pratchett, trátase dun escritor de fantasy inglés; un dos máis prolíficos, creativos e excepcionais da historia. Para que vos fagades unha idea, está considerado entre os catro mellores xunto a Martin, Tolkien e Rowling e figura en segunda posición en ventas, detrás desta última. 

Pratchett levitante

No UK podédelo atopar en calquera librería, en España naquelas nas que a sección de fantasy teña algo máis que o Señor dos Aneis e a Historia Interminable.

O libro que vos presento hoxe é o volume número doce do Mundodisco (Discworld en inglés), saga de trinta e nove entregas, con historias independentes as unhas das outras e polo tanto lexibles en calquera orde, na que Pratchett divírtese ao besta contándonos as aventuras das personaxes que poboan o universo que el creou de esquina a esquina.

Bruxas de viaxe é un dos libros máis divertidos de dita saga. Narra as aventuras dun aquelarre de tres bruxas que, a causa dunha serie de acontecementos, vese obrigado a saír da comodidade da aldea na que vive para ir ao estranxeiro.

Dende a primeira frase: “Érase unha vez”, Pratchett pon en funcionamento a súa aguda ironía, o seu refinado humor inglés e a súa xigante cultura literaria. Entre os elementos que animan a historia e que poñen á proba a cultura literaria do lector, está o feito de que o libro estea inzado de referencias a contos infantís -O Mago de Oz, Carapuchiña Vermella, A Cincenta, A bela durminte e Drácula entre outros- e de parodias a outros autores, figuras mitolóxicas, relatos tradicionais e folclóricos, utilizados para establecer paralelismos satíricos con temas culturais, tecnolóxicos ou científicos actuais.

Todo o que existe no Mundodisco -e tamén o que non existe-  ten varias formas de verse. Dado que é un mundo probable dentro da infinidade de mundos posibles, a realidade descrita nel é, en ocasións, máis real que a do noso e, en outras, o é menos, de forma que, sen resultarnos en ningún momento imposible, todos os elementos que na Terra  “son” dun modo, no Mundodisco “sono” doutro.

Pratchett retorce e xoga con tópicos, lugares comúns e vellas ideas. Lelo é como saír dunha sauna e botase un cubo de agua conxelada pola cabeza: non ten puñeteiro sentido, falo de todas formas e é so tras o momento de sufrimiento, cando dáste de conta do ben que senta e do guai que se ve o mundo.

E que ten todo isto que ver coa nosa literatura de viaxe? En primeiro lugar que, como dixemos na introdución á sección, queremos dar alivio aos momentos máis duros de quen emigra e viaxa, e se algo ten Pratchett é que, mentres o estás a ler, faite saír do mundo no que a túa cabeza e o teu corpo te meteron e que cando paras de lelo, o algoritmo persoal que utiliza o autor para construír a realidade, xa te modificou e te acompañará inevitablemente onde vaias. En segundo lugar porque é literatura de viaxe. Un viaxe feito por tres persoas moi diferentes que non saben nin sequera que significa viaxar ou que é ser estranxeiro. Tres mulleres que representan as tres idades -a doncela, a mai e la anciá- con tres xeitos totalmente diferentes de ver e afrontar a vida.

O motivo polo que o recomendo agora é que, máis alá do moito que te rías e que te divirtas, o volume rexistra algunhas das frases e ideas máis sinxelas, verdadeiras e fermosas que lin no xénero e que conviría ter sempre na despensa. Déixovos solo unha:

- O malo non é estar no mesmo lugar -dixo Tata-. O malo é non deixar que a túa mente viaxe.


Boa lectura!

Tagged with: