Eu estaba a contemplar (…) o momento polo momento da existencia espida.
- É agradable? -preguntou alguén.
- Nin agradable nin desagradable -contestei- simplemente é.
 

PortasNovela, poesía, teatro, calquera cousa con tal de recensionar viaxes. Hoxe tócalle a viaxe mental dun breve ensaio; o que escribiu o británico Aldous Huxley en 1954 despois de experimentar, baixo a supervisión e análise dun psiquiatra, os efectos da mescalina, un alcaloide extraído do cacto do peiote usado durante milenios en determinados rituais relixiosos amerindios.

“The Doors of Perception”, título que provén dunha cita de William Blake e que á súa vez da orixe ao nome do grupo “The Doors”, é o primeiro dos dous libros adicados á reflexión sobre dita experiencia.

A viaxe de Huxley é mental, un trip con causa e pretexto claro: a sustancia psicotrópica que o autor inxire; pero non nos confundamos, non é o desbarre do primeiro hippie. O autor expón de forma extraordinariamente clara o que significa liberarse do “propio asfixiante abrazo” e contemplar o mundo.

Segundo Huxley, a función do cerebro e do sistema nervioso é a de protexernos, impedir que quedemos abrumados e confundidos pola enorme masa de coñecemento, en gran parte inútil e sen importancia, que ofrece o mundo. A maioría das persoas so chega a coñecer o que esa válvula redutora que é o cerebro deixa pasar, unha información que representa un insignificante fiíño de conciencia e que ten a función de nos axudar a seguir con vida no hábitat no que nos encontramos.

A viaxe, así como o consumo de mescalina, facilita a apertura dos canais perceptivos. Permite liberarse do tempo, dos xuízos morais, das consideracións meramente utilitarias, da afirmación dun mesmo, da presunción, das experiencias… A alienación que proporciona a viaxe, o ser arrancado da percepción ordinaria e ver o mundo exterior, non como un animal obsesionado pola supervivencia, senón como o percibe a intelixencia libre, é unha experiencia de enorme valor.

Pero claro, probablemente esteámolo a flipar.

Boa lectura!

Tagged with: