Os rexistros no National Insurance Number (NIN) permítennos saber canta xente dunha determinada nacionalidade ten a intención de comezar a traballar no UK cada ano. Aínda que non temos as cifras para Galiza, podemos facer unha radiografía xeral dos novos emigrantes do Estado Español nos últimos anos. Velaquí as conclusións que tiramos:

1. A emigración disparouse coa crise

Este dato non sorprende, pero é importante repararmos na magnitude. O desemprego no Estado Español comezou a golpear moi duramente a partir do ano 2009, acadando unha taxa de paro do 18%. Se lle botamos un ollo ao gráfico veremos que é a partir deste ano cando se dispara o número de solicitudes do NIN, pasando de aproximadamente 13.000 no período 2009-2010 a máis de 24.000 no ano seguinte. Esta cifra aínda aumentou máis para 2011-2012. E lembrade que non son datos acumulados, senón que estamos a falar de novos rexistros, polo que as 30.000 persoas que solicitaron o NIN no 2012, son distintas ás do anos anterior.

2. Crece o número de emigrantes maiores de 35 anos

A franxa de idade maioritaria segue a ser con moita diferenza a dos mozos de entre 25 e 34, seguidos polos de 18-24. Porén, se ollamos o gráfico vemos como a porcentaxe de adultos maiores de 35 aumenta durante os anos da crise, reducíndose os da franxa 25-34.

3. A crise racha coa tendencia histórica de máis mulleres emigrantes.

Desde o ano 2002, o habitual era que cada ano máis mulleres que homes solicitaran o NIN. Pero a partir do período 2009-2010 a cantidade homes é maior.

Isto coincide cun maior equilibrio nas taxas de desemprego no Estado Español. Antes do comezo da crise, o paro feminino era considerabelmente máis alto que o masculino, mentres que agora está máis equilibrado.

Para pór un exemplo, no 2006 un 11,55% das mulleres non tiñan traballo mentres que o dato para os homes era do 6,31%. En 2012 a cousa estaba máis axustada, quedando 25,38% fronte a 24,73%.

4. Máis da metade dos rexistros fanse en Londres

Tampouco é un dato que sorprenda dada a importancia económica da capital e a cantidade de emigración que recibe. Pero o 56% dos rexistros feitos en Londres no último ano fica moi lonxe do 10% do sueste de Inglaterra, seguinte rexión con máis cidadáns do Estado Español solicitando o NIN.

Para destacar a importancia da capital, fixemos un mapa para ver en que zonas da cidade se producen máis solicitudes. Destaca a alta concentración na circunscrición electoral de Tottenham e Bethnal Green and Bow.

Esta é a radiografía que nós facemos. Coincide coa túa percepción na rúa?

PS: Fica pendente un post sobre o por que da elección dos datos do NIN para esta análise e non outro.

 

Tagged with: